Nos vindeiros días, o Concello porá en marcha unha nova quenda de traballos para a renovación do firme na cidade, que nesta ocasión se executará na rotonda das Paxariñas, no ramal de acceso da avenida de Alfonso Molina á rolda de Outeiro -en dirección á estación intermodal- e tamén con dúas actuacións máis reducidas na contorna da fonte de Catro Camiños e na rolda de Nelle.

As obras levaranse a cabo, na súa meirande parte, en horario nocturno, co obxectivo de non dificultar os desprazamentos ao longo da xornada laboral.

Os traballos arrincarán este domingo 16 pola noite no óvalo da rotonda das Paxariñas. Xa a posteriori, os operarios traballarán por fases na contorna da fonte de Catro Camiños -onde se aproveitarán as actuacións para mellorar a súa rede de rega- e o ramal de acceso de Alfonso Molina á rolda de Outeiro.

A isto sumarase outra intervención entre a Falperra e o leste dos Mallos. Será na rolda de Nelle, no seu sector lindeiro coas rúas Ribadavia, Río Sarela e Río Sil, onde se renovará o firme nunha superficie de 550 metros cadrados.