A alcaldesa, Inés Rey, animou o pasado venres 4, a todas as coruñesas e coruñeses a asomárense ao Nadal durante o tradicional acendido das luces en Maria Pita, en que unha representación das persoas que traballaron durante o confinamento nos servizos esenciais pulsou o botón co que se iluminaron todas as luces da cidade.

Neste Nadal diferente, marcado pola pandemia, sinalou, o Concello quere renderlles unha homenaxe a todas e todos os que loitaron en primeira liña de combate, «as que fixeron posible que moitas/os puidesen quedar na casa para evitar unha maior propagación da pandemia.

A alcaldesa animou a cidadanía a manter a ilusión e esperanza neste Nadal «de que sairemos xuntos desta horrible pandemia. «As coruñesas e coruñeses demostramos que podemos derrotar calquera adversidade, así ocorreu ao longo da nosa historia e así seguirá ocorrendo», dixo ao tempo que lle lembrou a veciñanza que «debemos ser pacientes, debemos seguir as recomendacións sanitarias para erradicar esta enfermidade».

Tamén quíxolles lanzar, xunto ás súas compañeiras e compañeiros da Corporación, unha mensaxe de apoio aos sectores que o están pasando mal como consecuencia das restricións sanitarias, «Non imos deixar a ninguén atrás» apuntou.

E acordouse das pequenas e pequenos, verdadeiros protagonistas do Nadal, aos que lles quixo agradecer o seu comportamento «déstesnos unha lección que nunca esqueceremos. Obrigados a permanecer na casa durante meses adaptástesvos mellor que ninguén á situación provocada polo virus». E garantiulles que en todos os barrios lucirán estas estrelas en forma de luces de cores, que en todos eles haberá caixas de correos reais e a todos os barrios chegarán tamén os Reis Magos.