A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana apoia e participará na manifestación convocada pola Federación Provincial de Centros Públicos da Coruña o vindeiro 28 de febreiro, unha mobilización que pon o foco nas crecientes deficiencias que afectan ao sistema educativo público.
A convocatoria denuncia problemas que se veñen agravando nos últimos anos e que repercuten directamente na calidade da educación que reciben os nenos e a mocidade. Entre as principais preocupacións sinaladas polos convocantes e aos que nos adherimos, destacan:
Ratios excesivas nas aulas, que dificultan unha atención axeitada e personalizada.
Profesorado sobrecargado, con crecentes cargas e con recursos cada vez máis insuficientes o que compromete a calidade dos proxectos educativos.
Falta de especialistas e de persoal de apoio, imprescindibles para garantir unha resposta adecuada ás necesidades de todo o alumnado.
Atención insuficiente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEE e NEAE), que require recursos e profesionais especializados que non sempre están dispoñibles.
Deficiencias no equipamento dos centros, debido a falta de renovación ou ao avellentamento do mesmo o que plantexa problemas diarios para a comunidade escolar.
Carencias de accesibilidade, que seguen a impedir que moitos centros sexan espazos plenamente inclusivos.
A Federación considera que estas reivindicacións son xustas, necesarias e urxentes, e lembra que unha educación pública de calidade é un piar fundamental para a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento social da comarca e da nosa comunidade autónoma.
Por este motivo, fai un chamamento a todas as asociacións veciñais da cidade e da área metropolitana para que se sumen activamente á mobilización, visibilizando así o compromiso do movemento veciñal coa defensa dos servizos públicos e co futuro das novas xeracións.
A manifestación terá lugar o 28 de febreiro, dende as 11:00 h, dende a praza de Ourense ata o paseo do Parrote.

Comentarios recientes