Dende a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, queremos manifestar o noso fondo pesar e solidariedade coas persoas que foron afectadas pola DANA que recentemente golpeou Valencia e outras zonas. Nesta traxedia, recordamos con dor ás persoas que perderon a vida, aos desaparecidos, así como aos animais e aos bens que se perderon baixo a forza da natureza.

Nun momento tan difícil, queremos enviar un agarimoso recordo a quen están a pasar por esta dor, a quen perderon a súa vivenda ou o seu medio de vida, e a quen loitan por recompoñerse tras esta perda.

É en momentos coma este onde se fai máis forte a nosa unión como sociedade e como persoas. Con cada perda sufrida, cada esforzo de recuperación e cada acto de solidariedade, enviamos a nosa forza e alento a Valencia.