A Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) entregou o pasado domingo 3 de novembro, en Lugo, os Premios Crer no Movemento Veciñal, que distinguiron o labor de persoas e organizacións comprometidas coa mellora das súas comunidades, e contou coa presenza de Julio Molina Barthe, presidente da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais.
Este ano, dende a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, sentimos un orgullo especial ao destacar os premiados que representaron á nosa área. Nesta edición, os galardóns foron outorgados a:
- Proxecto de Voluntariado no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, unha iniciativa da Universidade da Coruña que achega apoio e alivio ás familias en momentos de gran vulnerabilidade.
- Grupo Naturalista Hábitat, unha entidade sen ánimo de lucro que promove a conservación da biodiversidade e o respecto polo entorno natural na área da Coruña.
En total, entregáronse 11 premios: dez a proposta das federacións de asociacións veciñais e un adicional, o Premio de COGAVE, que foi votado pola xunta directiva da confederación. Este ano, este galardón honorífico foi concedido a Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, en recoñecemento á súa dedicación na mellora dos servizos locais en Galicia.
Entre os premiados das distintas provincias galegas atopáronse:
- Federación provincial de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo: Alfonso Álvarez Riveiro, director de El Progreso, e Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa de Lugo.
- Federación provincial de Asociacións Veciñais “Limiar” de Ourense: Xosé Luis Foxo Rivas, director da Real Banda de Gaitas de Ourense; e Justo Calviño Cruz, escritor.
- Federación de Asociacións Veciñais “Roi Xordo” de Ferrol: Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón e Alfonso Gil Montalvo, delegado episcopal de Cáritas Diocesana e párroco.
- Federación de Asociacións Veciñais “Castelao” de Pontevedra: Fina Casalderrey, escritora, e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO).
Este evento, símbolo do compromiso e a unión das asociacións veciñais de Galicia, marcou ademais o inicio dun mes de especial relevancia para o movemento veciñal galego e estatal, que se reunirá novamente en Lugo os días 23 e 24 de novembro na Asemblea Xeral Nacional.


Comentarios recentes